Thursday 09 de May de 2024

Feijóo defende que as propostas dos enxeñeiros galegos servirán para continuar traballando en liñas que fagan progresar a Galicia


Incide na importancia de facer país a través da colaboración e do traballo conxunto e resalta que esa é a vocación do Consello Galego de Enxeñerías

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe que as propostas presentadas polos enxeñeiros galegos servirán para continuar traballando en liñas que fagan progresar a Galicia.

Durante a presentación das Medidas desde a enxeñaría para o desenvolvemento de Galicia, Feijóo subliñou que con este documento de 20 liñas estratéxicas e 107 propostas, os enxeñeiros galegos referendan o seu compromiso non só coas estruturas que idean e fan realidade cada día, senón tamén coa vertebración do territorio. E incidiu na importancia de facer país a través da colaboración e do traballo conxunto.

Nesta liña, resaltou que esa é a vocación do Consello Galego de Enxeñerías, unha amalgama de colectivos profesionais organizados de forma independente, que decidiu unirse nunha entidade máis ampla coa única vontade de contribuír á construción da Comunidade. Así, esta entidade, que agrupa a máis de 5.000 profesionais de alta cualificación, sinala no documento algunhas liñas de futuro que xa se empezaron a acometer en materia de infraestruturas, no eido da conectividade a través da rede ou en relación á priorización da rehabilitación fronte ás novas construcións.

Logo de precisar que este texto foi xa trasladado á Consellería de Facenda, a efectos de que se tome nota das propostas, o presidente da Xunta fixo fincapé en que con esta iniciativa ponse de manifesto a necesidade de escoitar e cooperar para afrontar os retos dos vindeiros anos e chegar á Galicia de 2030 que todos os galegos queremos. Non en van, aseverou que con actos coma este Galicia demostra que ten o seu propio modelo, que pode ser punteira en diversos sectores, moitos deles nos que a enxeñería ten un papel preponderante.

“Demostramos que temos a nosa propia fórmula de progreso, que non consiste en imitar a ninguén, senón en ser a mellor versión de nós mesmos” abundou, incidindo en que a transformación de Galicia é froito do traballo de todos.